Monday 29 de April de 2024

Comercios de Oroso sumaranse por primeira vez ao concurso “De Tapa e Tapa” ofrecendo interesantes descontos aos seus clientes


A sétima edición do certame de tapas terá lugar en 21 establecementos hostaleiros de Oroso durante os días 9, 10, 16 e 17 de abril

A sétima edición do concurso “De Tapa en Tapa” de Oroso contará este ano cun récord de participación: 21 establecementos hostaleiros, 5 máis co ano anterior. Un concurso de tapas que terá lugar nas dúas próximas fins de semana (9, 10, 16 e 17 de abril) durante as cales o Concello de Oroso agarda repetir ou superar o éxito acadado na edición anterior, na que se degustaron máis de 3.000 tapas.

A gran novidade deste ano é a colaboración de dezaoito comercios do municipio, que ofrecerán interesantes descontos aos seus clientes durante os días do concurso. Trátase dos comercios: A Casa Verde, Ensoños, Uve Moda, El Ropero de Nalet, Librería Refoxos, As Esencias, Boutique Volvoreta, Chévere, Zoclos, Confecciones Primitiva, Equip@T, MVA, Calzados Loli, Óptica Neovisión, Mercería María, A Tenda de Soledad, Zapatería Rial e Zapatería Sigüeiro.

A concelleira de Turismo, Vanesa Boo, explica que “o obxectivo deste concurso é atraer un maior número de visitantes a Oroso e dinamizar a nosa hostalería, ao tempo que promovemos a nosa gastronomía local e as nosas posibilidades en materia de turismo. Ademais, este ano contamos coa colaboración de dezaoito comercios locais, polo que penso que a oferta será aínda moito máis atractiva para quen nos visite”. Neste sentido, Vanesa Boo salienta que o concurso será “unha forma de implicar a todo o sector comercial e hostaleiro nunha das accións promocionais que máis visitantes atrae ao municipio das que organiza o Concello de Oroso, canda a Festa da Troita ou a recente Festa da Xuventude”.

Concurso de tapas

As degustacións do VII Concurso de Tapas terán lugar en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas dos días 9, 10, 16 e 17 de abril. Un horario que poderá ser aumentado polos locais participantes se así o desexan, pero que en ningún caso poderá verse reducido. Durante ese tempo, os clientes recibirán nos locais participantes un boletín de votación, que inclúe unha relación coas tapas presentadas a concurso (que tamén se pode consultar na web municipal: www.concelloooroso.com). Para que o seu voto sexa válido deberá contar con 6 selos que demostren que probou as tapas de, cando menos, seis establecementos (dos cales cando menos 1 deberá ser dun local non emprazado en Sigüeiro).

Os locais participantes nesta edición son: Sigüeiro Hostel, Bar Tapas, Café Bar Xardín, Bar Sigüeiro, Mesón Tambre, Tapería O´Martán, Sigü Café, Café de Manuela, Cafetería Che, Mesón A Trabe, Bar Restaurante Mirás, Adega O Ribeiro, Restaurante O Cortés, Cafetería Seis Ríos, Ambore Coffee, Bar X que no? e Bodegón Cebrás, todos eles en Sigüeiro. Fora da capital municipal participarán: Parrillada As Viñas (Trasmonte), Restaurante Liñares (Estación Oroso), Bar Stop (Oroso) e O Noso Mesón (Deixebre).

Cada establecemento disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar os seus votos. As tapas gañadoras serán elixidas por votación popular dos clientes, que decidirán os tres premios para os bares participantes: 300, 200 e 100 euros, máis diploma acreditativo. Os premios aos que optarán os clientes, que se decidirán por sorteo, serán: unha tablet, unha estancia nas Cabanas do Barranco (Outes), 4 vales de compra en supermercados do concello (dous de 100 € e outros dous de 50 €), 4 vales cortesía dos comercios colaboradores (de 100, 80 e dous de 60 €), un par de zocos cortesía do comercio Zoclos e 3 lotes de Petroni (vermú, cubiteira e copas).

Con esta iniciativa, o Concello de Oroso continúa apostando pola dinamización do seu sector hostaleiro, organizando actividades que atraian máis visitantes ao municipio. Así ocurríu o pasado mes de marzo coa Festa da Xuventude e así volverá pasar o próximo mes de maio coa celebración da XX Festa da Troita.